1º CONCURSO INTERNACIONAL DE MÚSICA CLÁSICA SON AS PONTES
BASES DO CONCURSO
O Festival de Música Clásica Son As Pontes, xunto ao Concello das Pontes de García Rodríguez, presentan o 1º Concurso Internacional de Música de Cámara Son As Pontes para fomentar a difusión da música clásica e incentivar a formación camerística de novos intérpretes.
O 1º Concurso Internacional de Música de Cámara Son As Pontes, celebrarase nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) –España- o día 14 de xullo do 2022. Previamente realizarase un procedemento de selección mediante a remisión de gravacións de vídeo no período establecido nestas Bases.
O Concurso concibiuse como un encontro de músicos, no que os novos intérpretes poidan convivir, relacionarse, intercambiar experiencias e empreguen esta experiencia como plataforma para desenvolver a súa carreira profesional o mundo da música de cámara.
O certame realizarase o xoves 14 de xullo e o desenvolvemento do concurso terá lugar no Auditorio da Casa Dopeso da cidade das Pontes, na seguinte dirección:
Rúa Rosalía de Castro, 28, 15320 As Pontes de García Rodríguez, A Coruña
INFORMACIÓN XERAL
O concurso está dirixido a todo tipo de formacións instrumentais e poderán participar concursantes desde os 18 anos en diante, en grupos dun mínimo de dous instrumentistas.
A idade media dos compoñentes das formacións de cámara non superará os 30 anos e poderán participar no concurso intérpretes de música clásica de todas as nacionalidades.
A organización resérvase o dereito de realizar a gravación do concurso e de retransmitilo por calquera medio audiovisual ou redes sociais. Os participantes renuncian a todos aqueles direitos que lles puidesen corresponder por esta acción.
Unha vez rematado o concurso, e previa deliberación do xurado, darase a coñecer o veredicto e entregaranse os premios e diplomas.
Todas as cuestións non previstas neste regulamento serán resoltas polo Comité Organizador dacordo co xurado. Todas as decisións serán inapelables.
INSCRICIÓN
A participación no concurso dos grupos de cámara realizarase mediante o boletín de inscrición que se pode atopar na páxina web do Festival.
O prazo para o envío das solicitudes remata o 5 de Xuño de 2022 e deberá enviarse xunto coa documentación requerida ó seguinte correo electrónico:
sonaspontes@gmail.com
As formacións de cámara terán que enviar xunto co boletín da inscrición unha gravación, mediante un link de Youtube, cunha duración aproximada de 10 minutos. Así mesmo, os aspirantes terán que enviar a partitura escaneada da obra que interpretan.
O vídeo gravarase nunha soa toma, sen ningún corte nin edición.
A selección das agrupacións que asistirán á fase final do Concurso a decidirá o
xurado tras a valoración das gravacións achegadas polos participantes.
O xurado seleccionará un máximo de 6 agrupacións, que pasarán á fase final e que será presencial (14 de Xullo). O fallo será inapelable.
A decisión se comunicará aos finalistas a través do correo electrónico antes do 10 de Xuño, que deberán confirmar a súa participación na Fase Final e realizar o pago dos dereitos de inscrición tal e como se informará na comunicación. Estes dereitos serán de 50 euros por grupo de cámara.
FASE FINAL
A fase final realizarase o xoves 14 de xullo e estará conformada por un máximo de 6 finalistas, que presentarán un repertorio cunha duración de entre 20 e 30 minutos podendo repetir a obra ou movemento da fase anterior. Determinarase a orde de actuación dos finalistas mediante un sorteo previo.
O nome dos gañadores farase público ao finalizar as audicións dos grupos finalistas e tras a deliberación do xurado. A continuación, terá lugar a entrega de premios e diplomas por autoridades, membros do xurado e patrocinadores do concurso.
PREMIOS
– Primeiro premio: 1250 euros e diploma
– Segundo premio: 600 euros e diploma
– Resto de finalistas: diploma
Todos os premios estarán suxeitos a os impostos legais establecidos. En caso de un premio ex aequo, os candidatos repartiranse o premio correspondente a partes iguais. A non asistencia á entrega de premios implica a renuncia ao premio por parte dos galardoados, a excepción de que veña motivada por unha causa xustificada.