Aclamado pola crítica polo seu “refinado lirismo” (Classical Voice of North Carolina) e a súa “exuberancia como líder” (The Boston Musical Intelligencer), Pedro Rodríguez é unha figura destacada entre as novas xeracións do panorama musical actual. Apaixoado pola música de cámara, Rodriguez foi membro fundador da premiado Vera Quartet. Recoñecido polo seu “exquisito son”, “asombrosa enerxía”, “precisión láser” e “pura diversión” (The Boston Musical Intelligencer), o Vera Quartet actuou en numerosas salas e ciclos de concertos en todo o mundo. As súas gravacións foron retransmitidas por Radio Clásica e NPR, onde foron presentados no popular programa de radio “Performance Today”, con máis dun millón de oíntes regulares.
Numerosos premios avalan a súa traxectoria artística. Gañador das Astral Artists National Auditions 2018 co Vera Quartet, Premio Absoluto no Plowman Chamber Music Competition, Primeiro Premio no Yellow Springs Chamber Music Competition, Segundo e Terceiro Premio no M-Prize Chamber Arts Competition, St. Lawrence String Quartet Award no Wigmore Hall Internatinal String Quartet Competition e Primeiro Premio e Premio Especial ao mellor intérprete de corda no Concurso Nacional “Intercentros Melómano”, entre outros.
Na presente tempada 2020-2021 colabora regularmente coa Orquestra Sinfónica de Galicia, en calidade de Axuda de Concertino e Principal de Violíns II.
Como docente, foi Associate Instructor na Indiana University Jacobs School of Music e asistente do profesor Mauricio Fuks, e foi convidado a impartir cursos e clases maxistrais en España, EEUU, Arxentina e Costa Rica.
Nacido na Coruña, Pedro Rodríguez formouse na Hochschule für Musik und Theater München, Escola Superior de Música de Catalunya e Indiana University Jacobs School of Music, cos profesores Ingolf Turban, Raquel Castro Pego e Mauricio Fuks. Como membro do Vera Quartet foi Cuarteto en Residencia da Indiana University Jacobs School of Music e do Curtis Institute of Music en Filadelfia, traballando estreitamente co Cuarteto Pacifica, Atar Arad, Peter Stumpf, Pamela Frank, Peter Wiley, Steven Tenenbom, Arnold Steinhardt e Shmuel Ashkenasi.