Cibrán Sierra

Violín

O violinista galego Cibrán Sierra Vázquez (Ourense, 1979) formouse en universidades de Suecia ( Göteborg, B.Mus, Soloist Diploma), Estados Unidos ( Oberlin College, Artist Diploma), Países Baixos ( Amsterdam, M.Mus.) e Suíza (Basilea, Konzertdiplom MH), ademais da Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid, cos profesores Deborah Hamburger, Milan Vitek, Per Enoksson, Malin Broman e Keiko Wataya. No ámbito da interpretación e a música de cámara, os seus mestres foron Rainer Schmidt (Cuarteto Hagen), Walter Levin (Cuarteto LaSalle) e Hatto Beyerle (Cuarteto Alban Berg), ademais do contacto con Ferenc Rados, György Kurtág e John Eliot Gardiner, influíron profundamente na súa personalidade musical. Na actualidade mantén unha intensa actividade internacional como intérprete, fundamentalmente como violinista do Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018 e un dos cuartetos de corda máis premiados e recoñecidos da nova xeración europea, presente nas salas máis importantes do escenario internacional (desde Berlín e Salzburgo a Nova York ou Os Angeles, pasando por Amsterdam, Londres, Hamburgo, París, Roma, Viena, Praga, Varsovia, Estocolmo, Beijing, Bogotá e Buenos Aires). Na súa intensa actividade como camerista, Cibrán Sierra comparte escenario con artistas da talla de Martha Argerich, Veronika Hagen, Jörg Widmann, Valentin Erben, Antje Weithaas, Guido de Neve, Eric Hoeprich, Javier Perianes e un longo etc.

É convidado con regularidade como concertino e violinista principal por diferentes orquestras sinfónicas, de cámara e grupos de interpretación histórica en toda Europa. Colabora coa Orquestra de Cámara de Europa (COE), a Orquestra Revolucionaria e Romántica ( ORR) e traballou con directores da talla de John Eliot Gardiner, Frans Brüggen, Jordi Savall, Andrew Manze, Sir Colin Davis, Vladimir Ashkenazy, Yannick Nezet- Seguin, Gustavo Dudamel e Aarón Zapico, entre outros.

No outono de 2020 incorpórase como Catedrático de Música de Cámara ao prestixioso claustro da Universidade Mozarteum de Salzburgo, tras máis dunha década impartindo docencia na Cátedra de Cuarteto de Corda e Cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón. Colabora con frecuencia como profesor na Nova Orquestra Nacional de España e no ProQuartet-Paris. Imparte conferencias, cursos e clases maxistrais en conservatorios, universidades e institucións académicas superiores de España, Francia, Holanda, Suecia, Portugal, Estados Unidos, Colombia… É autor do libro “O Cuarteto de Corda: Laboratorio para unha Sociedade Ilustrada” (Alianza Editorial, 2014), publicou artigos en publicacións especializadas e prensa xeneralista sobre música de cámara, política cultural e educación musical e fundou e coordinou durante a súa existencia a tempada de concertos de cámara “ Sen Batuta” (Ourense, 2008-2013).  Toca o violín Nicola Amati de 1682 “Arnold Rosé”, cedido polos herdeiros de Paola Modiano.